segunda-feira, agosto 25, 2008

A babel arraiana

O mito da Torre de Babel e da confusión das linguas gozou e goza dunha rara popularidade. Segundo el, houbo un día feliz no que todos os homes falaban a mesma lingua e nela se entendían. Logo, pola súa soberbia, foron castigados e cada grupo falou dunha diferente maneira, así que, sendo humanos e falantes, deixaron de comprenderse universalmente. Procedente da Biblia, o mito de Babel e da maldición que supón a pluralidade das linguas humanas áchase e moi arraízado e extendido.Naturalmente o mito de Babel explica como un castigo de Deus un paradoxo sobre o cal os humanos temos reflexionado escasamente: aquilo que nos caracteriza como especie é a facultade dunha linguaxe con primeira e segunda articulación que se organiza gramaticalmente. Ora ben, ese sistema de signos que é a lingua non é só un sistema de signos senón moitos milleiros de sistemas de signos. A lingua humana non existe: existen unicamente as linguas humanas. O que é propio e distintivo da lingua humana é o feito de que se manifesta en forma de linguas humanas. A maldición de Babel consiste en que a comunicación humana proxecta coma unha sombra imprescindible a incomunicación entre humanos.Perante o pluralismo lingüístico a actitude máis exdendida é a máis primitiva: paliemos o mal adaptando a unha lingua superior ás outras linguas. Esta lingua superior soe ser a dun pobo militarista, expansionista e predador de pobos máis febles: latin, grego alexandrino, castelán. O colonizado, perante o colonizador, síntese ínfimo, diferente, bárbaro. Unha vez que interiormente se rinde, o colonizado sinte que unha forma de se liberar (naturalmente falsa) e adopción á lingua dos seus señores e o abandono da lingua da súa tradición. É así como se producen as grandes asimilacións, como é a entrega de moitos galegos á lingua do imperio castelán. O colonizado seguirá a ser explotado pro, ao falar coma o Amo, sentirase falsamente situado á altura de el.Contra a maldición de Babel tamén foi formulada unha solución culta e aparentemente progresista: a fabricación dunha lingua universal que sirva para todos os humanos. Curros, en trance, traxicómico, pretendeu que esa lingua universal chegase a ser o galego. Pero moi en serio foron ideadas varias linguas artificiais, coma a volapük e o esperanto. A aspiración utópica dos seus inventores non tivo éxito: hoxe só son hábiles en esperanto os esperantistas. Para Castelao, nunha imaxe parabólica xenial, un can ladra igual na China que en Rianxo. "É que os cans aínda están na lingua universal" -considera o Mestre.O home e a muller avanzados do noso tempo saben que, ademáis da súa propia, herdada ou escolleita, é un ben coñecer outras linguas e, con elas, outras culturas e outras literaturas. Só os primitivos contemporáneos sinten que hai linguas mellores que outras e cada vez as minoritarias ou "inútiles" son máis estudiadas por políglotas e simpatizantes estranxeiros. O galego, que non é para nada unha lingua minoritaria, máis sí inferiorizada e rexeita por algúns colonizados, é procurado e estudado por centos de mozos e mozas do mundo enteiro nos nosos días. As películas de Mel Gibson faladas en arameo e en maya son un signo desta mentalidade moderna das que lles falo.Un días destes falaremos, non do mito de Babel, senón do de Pentecostés.

sexta-feira, agosto 22, 2008

Garay con Curros?

O concello de Vigo trasladou o monumento a Curros Enríquez desde o seu desterro no Monte do Castro, onde houbo tantos fusilamentos de boa xente a onde se asenta a que foi residencia de Eijo Garay, aos xardíns que levan o nome do dito prelado. Como as personalidades de Curros e de Eijo non casan ben chegamos a sospeitar que o novo asentamento da efixie do poeta de Celanova conteña unha mensaxe cifrada en clave de bulra. O caso é que non só eses xardíns, que antano eran máis grandes e lucían mellor coidados, están en Vigo dedicados a honrar a figura de Eijo Garay senón que tamén levan o seu nome unha rúa e un colexio público. Mais penso eu en realidade que o noso alcalde, que semella un neófito ardente do nacionalcatolicismo ao presidir con insignias do seu cargo público a procisión do Cristo da Victoria, tan cara a Eijo Garay, e o resto do seu equipo non sexan tan ocorrentes como para xuntar de propio intento os nomes dun poeta perseguido pola xerarquía católica e un bispo moi activo no réxime máis duro e reaccionario que coñeceu a España contemporánea, descontando o dos días ominosos de Fernando VII. Para min, que o alcalde de Vigo e o seu goberno, o que tratan é de non lle tocar ao nomenclátor urbano no que respecta a Eijo Garay. Naturalmente, a estes efectos, a sociedade franquista de Vigo está feliz con Abel Caballero polo confesionalismo que exhibiu na devandita procisión e seguramente lle agradece o seu interese en que aquela vella diocese que borrara do mapa San Olaf Haraldson e que Don García, rei de Galicia, restaurara, prescinda para sempre de Tui, degrade a súa catedral e adopte o nome único da cidade do Celta. A miña idea é que a conxunción bipartidiaria que goberna o municipio de Vigo está a tratar, por viguismo electoral seguramente, de que o nome de Eijo Garay se perpetúe nuns xardíns, nunha rúa e nun colexio público, conculcando a lei da memoria histórica. Non señor: Leopoldo Eijo Garay non foi só un bispo franquista ao modo en como o foron o resto dos seus colegas de España, incluindo algún que tivo a decencia de negarse a gravar nos muros dos seus templos a lista dos "caídos por Dios y por España". Eijo Garay foi parte inseparábel e consustancial do réxime sanguinario e o seu criterio inspirou de forma moi principal as institucións, os métodos represivos e o catecismo ideolóxico do partido unificado "Falange Española Tradicionalista y de las JONS". Franco respectou, admirou e ouviu sempre as recomendacións deste fillo de Vigo a quen nin Vigo nin Galicia lle deben nada. Franco tivo sempre ao seu carón a Eijo Garay e premiouno cos máis altos cargos, como foron o de presidente do "Consejo Superior de Investigaciones Científicas" e do "Instituto de España", postos ben políticos e nada eclesiais, no desempeño dos que Eijo Garay se convertiu en comisario do franquismo en materia cultural. Seguramente por iso o colexio cardealicio nunca o distinguiu co capelo de púrpura e o Vaticano, habilmente, limitouse a lle conceder o título esperpéntico e aparatoso de Patriarca das Indias Occidentais que, en rigor histórico, carecía de todo significado, ao tempo que lle vedaba calquera arcebispado e precisamente, o de Toledo que conleva a primacía das Españas. Certamente, somos moitos os veciños de Vigo que tememos que o nome de Eijo Garay permaneza no lapidario público, aínda que estamos seguros de que non será para sempre.

sábado, agosto 16, 2008

Viso Rock 2008

VISO-ROCK 16 AGOSTO 08
KÉRKENNAI
(Celta/Folk--Baixa Limia)
BAILEBURDIA
(Música Europeia e do mundo--Oporto)
A RAIZ
(Rock/Meta--Valença/Porto)
MOMENTOS DE DUDA
(Rock Clásico--Ourense)
THE JONYS
(Rock / Alternativa--Vigo)
O grupo Kérkennai tamén actuará na presentación da curtametraxe “O Limia, o río do esquecemento”
Acampada de balde
Polbo a feira
Xogos populares