segunda-feira, janeiro 26, 2009

O xefe arredor do nacionalismo plástico

Nun ensaio memorábel, que viu a primeira luz en galego e n´A Trabe de Ouro, Etienne Balibar explicaba, a propósito de Fichte, que o nacionalismo é de condición plástica. Hegel, cando culminaba a Fenomenoloxía do Espírito, percibiu ao lonxe o bruído dos canóns de Napoleón e alegrábase porque aqueles estouridos afundían o Vaticano e arruinaban a vella Alemaña. Moitos santiños nacionalistas solidarizáronse no seu día co arredismo de Kosovo e con todos os nacionalismos reaccionarios que contribuíron á destrucción do Iugoslavia e ao enfeblecemento e desaparición da URSS. Ao decer que os comunistas chineses deben ser patriotas, Mao Tse-tung estaba a marcar un camiño. O de Lumumba, Fidel, Ho Chi Minh e, digamos por non fuxir do Extremo Occidente, do Sinn Féin. O nacionalismo non é nin bon nin mau, senón que, en cada caso, mobiliza o mundo na dirección liberadora ou na dirección da opresión. Nacionalismo era o do partido de Hitler e nacionalismo é o dos movementos de libertación nacional de Agostinho Neto e de Samora Machel, aos cales podemos unir o nacionalismo, de signo moi diferente, que ficou fixada na figura de Gandhi. Hegel escribía o seu prefacio co estoupido dos canóns da Grande Armée ao lonxe. Eu escribo estas humildes liñas coa alma encolleita polo estrépito inhumano das armas israelitas contra o pobo árabe de Palestina en Gaza.
O nacionalismo sionista fundaméntase na arela de os xudeus poderen ser os donos de Palestina, solo ao que eles, vindos da Diáspora, chaman Eretz Israel. Pro esa terra ten un nome, Palestina, e pertence a un pobo e a unha nación que é a árabe. Dous nacionalismos se achan fronte a fronte. Un deles, o sionista, é colonialista e pretende expulsar do seu territorio ao pobo que lexitimamente o posúe. O outro nacionalismo é defensivo e arela recuperar o país que lle fora arrebatado pola forza das armas estranxeiras. O nacionalismo é, si, plástico.
No interior de cada nacionalismo xoga o principio de contradicción e os intereses de clase. O sionismo serve ao Imperio norteamericano e constitúe a peza central do expansionismo capitalista en Oriente Próximo. Socialista desde os días fundacionais do baasismo, glorioiso na xesta do FLN en Alxeria, brillante na escena internacional nos días de Gamal Abdel Nasser e nos que se foron sucedendo os movementos que esnaquizaron as monarquías titiriteiras en Exipto, Irak, Siria, o nacionalismo árabe foi sempre laico e nel ocuparon un lugar central personalidades ateas de orixe familiar cristián como Tarik Aziz (onde está ese preso político, se está vivo?) ou o doutor George Habash no tempo en que existían os países non alineados e neutralismo anti-imperialista.
A agresión criminal ao pobo prisioneiro do guicho de Gaza prodúcese nun intre terribel no que o nacionalismo árabe en crise foi en parte substituído na vangarda popular polo confisionalismo relixioso. Aínda así, hoxe e alí a razón e a xustiza están da parte tamén deses mahometanos reducidos á escravitude e á dor colectiva polo estado de Israel.

sábado, janeiro 03, 2009

O Xefe e Viale Moutinho na Academia Galega

Do romántico portugués Alexandre Herculano pódese decer que recibiu Murguía incitación e pulo para afondar nos seus estudos de Historia de Galicia. Herculano consideraba Galicia como o ovo do que saiu a mellor e máis nutrida parte de Portugal. Debía de ser, aquela Galicia primordial, un ovo de dúas xemas, pois del naceu tamén a Galicia actual. Outros escritores portugueses tiveron en conta Galicia para explicaren Portugal e o seu idioma; certos deles, ao se referir ao que teñen ao Norde do Miño, do Xurés, do Larouco ou do Montezinho, oscilaron entre o desprezo e a condescendencia. Logo, no século XX, M. Rodrigues Lapa, mestre da filoloxía portuguesa contemporánea, foi un apoloxeta e un dilixente propagador da nosa realidade lingüística e literaria en Portugal. Sen embargo é José Viale Moutiño o escritor portugués que máis traballou a prol da difusión e coñecemento de Galicia en todas as tribunas públicas do seu país desde hai case cincuenta anos.
Por esta razón a Academia Galega, na súa última reunión plenaria, elixiu Viale Moutinho como membro de honra. Vense sumar así o escritor do Porto, hoxe radicado na illa da Madeira na que nacera, a un reducido elenco no que, vivos, figuran Giusepe Tavani e John Rutherford. A elección de Viale Moutinho produciuse por unanimidade. Agora podemos pensar que, mercé a el e ás súas relacións no universo cultural portugués, a Academia Galega terá ocasión de se facer realmente na República de a carón.
Viale Moutinho é un escritor moi importante das letras contemporáneas que brillou na poesía, no ensaio, na erudición histórica, e que innovou con forza o conto, a novela curta e a novela en Portugal. Igualmente foi un xornalista de moi longo alento e un conferencista reputado nos máis altas tribunas do seu País.
Teño sobre a mesa unha colección de contos deste noso autor que están prontos para veren a luz nas edicións A Nosa Terra. Titúlase a obra Negra sombra! negra sombra! con palabras pedidas emprestadas máis ao poema estremecedor de Luís Pimentel ca aos versos inmorredoiros de Rosalía. Falan moi ben o galego estes relatos nos que a dicción concisa, as luces inagardadas, a precisión fulgurante das descripcións, a referencia punxente á historia da Galicia Mártir dos anos trinta, o discurrir onírico dos acontecementos que nos arrebata, completan una obra mestra do conto contemporáneo que, orixinalmente en portugués, deita unha luminosidade rara sobre a nosa realidade. O extrañamento alucinado confóndese co realismo e o lector síntese, simultáneamente, distanciado e absorbido.
Que coincidan no tempo o nomeamento de Viale Moutinho como académico de honra e a publicación deste seu libro na lingua galega que el quer moito ben representa un sucedido memorábel.