segunda-feira, fevereiro 16, 2009

O xefe no paraninfo da memoria

Falou Margarita Ledo no paraninfo da Universidade Compostelana en ocasión do seu ingreso na Academia Galega. O discurso escolleu ser un bucle (non malencónico) ou unha banda de Moebius que fose e viñese pola historia entendendo Galicia a modo de entrelazo celta. Otero Pedrayo, Rosalía, Luísa Villalta, Carlos Velo, o cine e a literatura nacional ían e viñan facéndonos a todos acordantes de que a Cademia Galega é una cadea de sucesividades que terma da idea de Galicia durante todo o século XX e que prevalecerá. Co discurso de Margarita Ledo entraron na Academia os nomes de Enrique Líster, de Xosé Velo Mosquera e do Comandante Sotomayor. Os muros do paraninfo nunca ouviron estoupido de obuses de tal calibre.En canto sentía debullar os discursos de Margarita Ledo e de Rosario Álvarez notaba que a mente se me desdobraba e por veces divagaba en paralelo e consonte ao modelo coñecido na moderna retórica como "corrente de conciencia" ou "monólogo interior". É tan rico en pantasmas e en ecos da memoria o paraninfo que eu non din refreado as lembranzas. Sen deixar de escoitar as oracións académicas deixei fumegar polo buraco escuro doses de reminiscencia.Vinme cos meus compañeiros de toda Galicia facendo o exame de preuniversitario, moi impresionado eu polo paraninfo decimonónico que se me representaba como espazo de poder. O púlpito desde o cal falaban Ledo e Álvarez estivera ocupado por oradores do pasado en ocasións memorabeis. Vidal Abascal, nunha apertura de curso, discurriu sobre as galaxias e a expansión do Universo para o noso abraio. Do mesmo púlpito de catedráticos, Alonso Montero, mantedor das Festas Minervais, defendía o idioma e estimulaba a furia galegófoba de dous ou tres claustrais franquistas. Otero, sempre Otero Pedrayo cando se trata de Ledo, dirixíase a un paraninfo ateigado de escolares na súa derradeira lección académica; "na lingua de Pondal", dixera el, 1958. Viñéronme á memoria as Festas do Licenciado de outrora, tan vistosas, con todas as facultades representadas e os alumnos máis brillantes a recibir dos seus decanos a muceta de seda sobre os hombreiros. Lisardo, o bedel de Filosofía, coa maza rectoral, símbolo da dominación universitaria, sobre a almofada de púrpura. Abría o cortexo a banda municipal de Santiago e a concorrencia entoaba o Gaudeamus que os mozos do Seminario de Estudos Galegos trouxeran de Francia.Nun intre, a argumentación de Margarita Ledo volveu sentar no paraninfo a asemblea de municipios que traballou no Estatuto do 36. Álvaro das Casas lanzaba de novo "verbas aos mozos galegos" emerxendo desde o fondo dos brocados. E, por fin, volveu falar Del Riego no paraninfo en representación da FUE ou FUEG. Aínda máis a tras, en estratos recuados da memoria literaria, os estudantes de La Casa de la Troya facían o seu exame de fin de carreira perante un tribunal que sentaba á mesma e incomodísima mesa á que sentaban X.R. Barreiro Fernández e a xunta de gobernó da Academia Galega o sábado denanterior.O tirabuzón torcíase e as vellas toupeiras da memoria practicaban tuneis máis ben labírinticos.

quarta-feira, fevereiro 11, 2009

Por unha política arraiana

X. L. MÉNDEZ FERRÍN A inexistencia dunha política exterior é unha das características da Xunta de Galicia que presidiu Touriño. Moi especialmente notouse a faltar unha política para Portugal. Con Fraga Iribarne a Xunta tivo unha política cubana e unha política portuguesa, secundada por Fidel Castro e por Mario Soares respectivamente. Mais toda a administración Touriño viviu de costas a Portugal, sen que Quintana ousase corrixirlle nesta materia a plana ao presidente. As conversas sobre o AVE foron vistas polo pobo como frías e insinceras. Nada semellante a aquela xeira do presidente Soares polo provincia do Alto Minho que culminou nunha recepción en Valença aos intelectuais galegos, nos que Fraga Iribarne se apresurou a incluir a Camilo José Cela e así. A liga dos concellos do Limia non sei se é viva ou morta e a dos concellos do Miño xa a anulara o gobernardor Jorge Parada (PSOE) hai un mundo de tempo, por ameazar a unidade de España. Funciona, con escaso ánimo apesares de que o seu xerente, meu amigo Mao, é un entusiasta sincero, o Eixo Atlántico. Esta alianza de municipios é de alcance político moi limitado e son moitos os galegos que aspiran a máis no que se refere ás relacións entre Galicia e Portugal. Entre as posibilidades reais que nos ofrece a Unión Europea está a de constituir euro-rexións. Unha euro-rexión factíbel cuxa posta en vigor reportaría beneficios de todo tipo aos pobos de aquén e de alén Miño e Xurés sería a que englobase o Noroeste ibérico, ou sexa a actual Galicia e o Norte de Portugal até a bacía do Douro (incluída). Os territorios galegófonos da Asturias Occidental, León e Zamora estarían incluídos nesta euro-rexión que só podería chamarse co vello nome de Gallaecia. Sei ben que existen reticencias ideolóxicas e políticas, así en Portugal como en España, que levan un mundo de tempo tratando de frear ou adiar o proxecto. Hai xa moito que a miña familia e os seus amigos vigueses somos, por utilitarismo, usuarios do Sa Carneiro do Porto, onde hai un letreiro que di: "O aeroporto de tódolos galegos" (en galego). Se observamos o movemento de mercadorías nas es-autoestradas e estradas de Galicia non podemos ignorar o aumento de vehículos portugueses ano tras ano. Cada vez más os visitantes portugueses de lecer non son só os siareiros do Corte Inglés de Vigo e chegan en masa a Compostela e á Coruña, cousa que hai pouco tempo non facían. Ao revés e en dirección ao Sul os nosos conveciños fanse cada vez máis frecuentadores de Portugal. As únicas librarías do territorio español que venden literatura en portugués son algunhas de Galicia.Pois ben, a Xunta actual BNG-PSOE non diu pasos avante na constitución da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Por suposto, á oposición do PP este tema parécelle espiñento e propicio a rachar España e, sempre maís de Aznar ca de Fraga Iribarne, Núñez Feijóo e Corina Porro únense ao histerismo da Galicia Bilingüe que detesta desde as simas da alma a restauración da unidade histórica galegoportuguesa. Esperemos que no próximo Parlamento do Hórreo se trate por fin deste tema despois das eleccións. Pro teñen que aparecer novos actores e actrices no escenario.

sexta-feira, fevereiro 06, 2009

Homenaxe nacional ao xefe


Hoxe, venres, 6 de febreiro de 2008 celébrase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O noso enviado espacial seguirá informando en vindeiras conexións virtuais coa blogosfera arraiana.