quinta-feira, julho 30, 2015

Ser ou non ser… arraiano.

O pánico do folio en branco.

Eu nunca tiven ese problema, mais ben o problema de non saber parar ou non querer, que os que vivimos nos límites temos moitas cousas que contar. Cando queremos falar.
No final, no principio, sempre de paso (ou por El Paso), observadores e observados.
Capaces de sentir nostalxia dun fogar que anda sempre incompleto; Neno ¿Ti de onde ves sendo? Eu de aquí e acolá… Eu que carallo sei.  
Un arraiano con unha certeza é un poeta, con duas temos un artista maldito. 
Con tres xa lle ferven soños de dominación mundial. Hai exemplos.

Somos, os arraianos, de todas partes e ningunha. Somos do mundo! do que remata e do que comeza.
Falan ben de nós, falan mal, pero sempre falan. “Amigos ou inimigos, nunca indiferentes, que a indiferencia é coma un encefalograma plano” gritou un arraiano da noite das radios, xusto na hora na que durmen os vivos e despertan os contos.

Así é, que pensando en arraianos de todas partes e medios (sempre no medio) lembreime de aquél.
Seica non sabe onde cae Celanova mais… coñece de límites, fronteiras, noites e lendas.
Principios e finais, e finais que son o principio.

A Walter White tamén lle dicían Heisenberg.
Será que todos os arraianos levan o seu alcume.


domingo, julho 26, 2015

Contrabando Cultural no Día da Matria CCDM


Meus caros Arraianos. Levo moito tempo sen confesar e non son máis ca unha vella vaca pecadora e cachena cun diario abandonado. Xa sei que somos clan para o bo e o malo. E tamén moito máis animais do que cremos, para poder sobrevivir á porosidade infinda da raia. Por iso temos que unirnos coa vaca sagrada. O animal totémico. Nin cos noxos nin coas noxas, aínda que sexan homes e mulleres.  

Despois duns meses de certo desleixo e abandono da vida en xeral e deste caderno en particular, retomamos as accións de CCDM só para deixarlle o sitio a un boi barrosán da arraiana Arousa, que rumia bastante ben. Digno herdeiro nesta desfeita cibernética perpetrada dende hai xa uns anos por unha vaca cachena que non escribiu nada  con xeito en todo este tempo...   

Nas súas fortes pezuñas ficades por un tempiño. Non sei cando nos leremos, ailerelo... F. César sube até a croa do Castromao co seu exército de bicicletas. As vacas voadoras seguen a súa marcha pola Grande Penechaira soñando cos cabalos salvaxes e arrastrando os marcos da raia. Un enorme animal vacún de dúas rodas avanza entre os bidueiros da lagoa. É medio portugués e algo romano, e estavos moi afeito a organizar chegas de bois clandestinas na Raia Seca. Ficades en moi boas mans. E agora a ver quen carallo manda eiquí, uaaaaaaaa. 


   
Ei ei, resistirei... Só advertimos aos menores de vontade que cómpre seguir tendo moito coidado con estes e mesmo cos outros arraianos. Que seica as especies mariñas da gran familia das torgueiras subacuáticas son aínda moito peores que as urces do interior. E se andan en bici moito pior, se cabe, que todo o que tén forma circular xa sabedes que o carga o demo. Coma as casas do Crasto na Viagem ao Principio do Mundo. Derradeira rodaxe de Marcelo. Non podemos piratear en público neste lugar a D. Manoel de Oliveira DEP.

Mira ti como nos afecta a redondez a algúns do noso clan que mesmo andamos argallando baixo o sol da mediodía unha mámoa contemporánea. Claro que segamos a herba seca co John Deere e os canóns de silo, brancos e negros,  asisten ao espectáculo apocalíptico de ver como agosta prematuramente a paisaxe da matria no Far West Ourensán, cunha seca criminal que nos pon tremendos e con pánico de lume. Muuuuuu...

As vacas pacen ceibes nesta terra e as anduriñas pican na herba seca nesta derradeira parada antes de iniciar a súa longa viaxe dende esta África do Penagache cara a lonxana África irreal do sur, simplificación excesiva da que nos falou Kapuscinsky un día en Madrid. Cando quería aprender a escribir. Que unha é vaca pero moi lida e viaxada, meus caros. Que mesmo cheguei a facer music halls con artistas nada recomendables, coma este par de titiriteiros, Marcelo Mastroianni e Benito Cancela. 




Tanta malta no bandullo que xa nin lembro de que falamos. Penegache ou Penagache?. Xa non sei. Relatividade. Non sei onde imos pero si de onde vimos. Teremos que mandarlle o caso ao detective do Fondo dos Espellos, que vive na Torre de Vilanova, coa súa corona dupla de xesta e toxo, para que o Mago Ferrín resolva o misterio tal e como se fai entre os garraos, á sombra do Castelo das Poulas da Nosa Señora do Xurés, que por certo, esta gran muller vai ser a Arraiana Maior de 2015. Que o saibades por se non volo dixeira aínda. Tocade as campás para escorrentar a ruindade dos mezquiños e escuros.

  
    
No clan celebramos este ano o Día da Matria coa nosa Nai, unha matriarca de Lei, banduense para máis señas, amiga dos Coelernos e dos Churchills. Esta tardiña de xullo acollérronnos en Coelióbriga os ancestros coma o día da nosa primeira vez no castro. Agora imos co noso clan de becerriños, sempre dando paz, no medio do absurdo. Xogamos por entre os muros dese Castromao máxico e irredento que hoxe fica aínda máis abandonado que este blog, se cabe. Xa nin sabemos facer a Festa da Hospitalidade, a vella Castrexa ou Castrexiño, unha festa que naceu dunha tábula imposible do Museo Arqueolóxico de Ourense e que agora quere ser tomada polos cativos.  
   
A lúa medra na noite de Turonio e os nenos medran nas camas. Trisquel Calado ou Kalado. Silencio. Que ben se dorme á beira do mar e como se lle colle a perspectiva a vida... A maternidade torna agora anónima de súpeto e recibo un sms. Superamos os 40 mil petiscos de páxinas vistas neste anaco de rede que é o Caderno Arraiano. E aínda con estas cifras tan impresionantes non podemos estar máis satisfeitos dos avances que os devanceiros. Hoxe foi día de sega con incendios e helicópteros. Nada acontece no Far West ourensán mais todo pasa irremediablemente por onde o mundo se chama Celamona. O amor e o odio. O ying e o yang.

E todo pasa pola Nai e pola Matria e polas nais e as matrias que estiveron antes ca elas e as que aínda han vir, e as das súas fillas. Por todas elas seguimos turrando da vida coa forza dos bois cachenos, ou piscos, como sempre me corrixe o Xefe, sen saber moito do que fala, claro. Que eu son unha vaca e ti un poeta antipoético, un narrador do verso. O que non sabe o Meigo Ferrín é que foi algo coinventor da Galeguesa para beneficio do rural galego e dos amantes da natación. Teño irmau que é boi nadador e vive nun prado á beira dun río sagrado na India.



Ninguén domestica xa nin educa a unha parella de bois ou vacas, cachenas, cruzadas con salers, para xunguilas da corda e poñelas diante dun mesmo carro. Rarezas da tracción animal. Só o meu outro irmau, un vello boi que xogaba ao xadrez coma Rudesinsus e o maldito Froila. Foise hai tempo nun gambito letón, aínda que non de todo. Nunca até que desaparezamos os da nosa estirpe. Até o fin dos tempos. 

Foi il quen nos ensinou a segar a herba verde e seca e seca e verde e facer rolos e bolas de silo coma canóns, brancos e negros e negros e brancos, en Cachiquimbra e na Corga Longa da Chaira de Amoroz. E todo segado coa gadaña do bisavó. O tao ancestral da familia. As voces. As voces ancestrais. Non as ouves?. Shhhhh. 

Escoitamos o silandeiro asubío do aceiro, ben crabuñado e afiado polo avó Menelao, e imos segando o centeo baixo a ollada dunha parella de aguias ratoeiras. E os rechouchíos das anduriñas que voan caoticamente por entre os rolos de herba seca cara á negritude africana, e a de Recife, con cabras voadoras posuídas pola forza telúrica das mámoas onde xacen os nosos mortos e onde nós repousaremos tamén un día calquera destes, seica en paz. 

Ala, miñas caras e meus caros… Confeso. Son a vaca cachena que tira do Carro do Don Quixote Galaico, unha carroza que avanza coma unha dorna por entre as mámoas da Raia Seca con Pepe Velo en pé, facendo vibrar a terra coa forza da palabra e da acción. 

E despois dun grolo de maltés e deste pequeno rolo de herba que armei con letra seca, tiro xa por fin para o a montaña na Grande Chaira, onde os vellos van morrer cando lles chega a súa hora. E vou durmir xa, como a boa vella vaca cahena que son, desexándovos un bo Dia da Matria e desexándovos tamén nais tan boas coma a nosa e tamén boas nais para os vosos fillos e para os fillos dos vosos fillos. Amén. Ave F. César, os que imos pacer Aguantamos Rillamos Rumiamos e somos Eremitas. ARRE o CCDM e XO XA.      




quarta-feira, julho 22, 2015

Looking for Bill Viola

Deixamos eiquí só un pequeno avance do que vai ser a peza de videocreación, dirixida por Aser Álvarez e editada por Mariana Romero, realizada recentemente por Arraianos Producións, na que os protagonistas son os alumnos e alumnas do instituto de Celanova, que reflexionan sobre a obra do artista estadounidense Bill Viola. 
Coa colaboración do propio Viola, Eugenio Ampudia, José Rivela, Óscar Doviso, Rubén  Méndez, Yasmina Vázquez, Miguel Pérez e moitas máis persoas, coñecidas e anónimas, conseguimos perpetrar unha videocreación de 12 minutos cuxo avance deixamos eiquí coma un petisco do que vai vir á volta do verán. Onde o mundo se chama Celanova, seguimos "Looking for Bill Viola".